viernes, 18 de marzo de 2016

A muller no deporte: exposición en inglés


Este mes de marzo tivemos no taboleiro principal da biblioteca unha exposición organizada polo Departamento de Lingua inglesa sobre a muller e o deporte. Esta temática ofreceuse con motivo da celebración do Día da muller (8 de marzo) e aproveitando unha das partes do proxecto da biblioteca, xogos e deportes. Asemade, é unha boa ocasión para practicar os coñecementos de inglés xa que, como dixemos, a exposición realizárona alumnado desta materia na ESO.

martes, 15 de marzo de 2016

A escritora e a súa obra: Ledicia Costas

A autora Ledicia Costas estivo este martes 15 de marzo na Biblioteca do noso centro para falarnos do seu proceso creativo como escritora. Dirixiuse primeiramenente ao alumnado de 1º e 2º de ESO para falar de Escarlatina, a cociñeira defunta e Unha estrela no vento. Logo respondeu as numerosas preguntas sobre a obra e finalmente asinou os libros do alumnado.

A creadora viguesa que estivo convidada polo Departamento de Lingua Galega a través de Edicións Xerais, falou logo para o alumnado de 3º e 4º, púxolles un vídeo dunha adolescente acosada nas redes, contestou as preguntas, asinou obras e fotografouse cun grupo.

Foi un pracer ter a escritora agasallada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015 no CPI Domingo Fontán de Portas.

Podedes ver máis imaxes no blog do EDLG e no do club de lectura:

 http://portalingua.blogspot.com.es/


 http://asportadas.blogspot.com.es/

Actuación de García Mc


O rapeiro García Mc actuou este pasado venres 26 de febreiro para toda a ESO. Durante uns 45 minutos tocou algunhas pezas propias xunto con versións de poemas de Celso Emilio Ferreiro e Lois Pereiro.


O músico de Rithm And Poesy conectou cun amplo público composto por máis de 100 persoas que gozaron, entre as 14.20 e 15.10 coa actuación do cantante do grupo Dios Ke Te Krew



A biblioteca foi o espazo escollido para a actuación do músico galego que nos transportou a sons en galego aos que estamos pouco afeitos demostrando que a poesía segue sendo algo moderno ao ritmo dos sons máis recentes e populares.





A Biblioteca é sempre un bo espazo para transmitir ideas de igualdade, xustiza social e vida saudable como fixo García ao ritmo de RAP. E todo isto na Rapeira, rúa onde está ubicado o noso centro.

Segunda volta de xogos populares

Nesta segunda quincena de febreiro tivemos no centro unha segunda quenda de xogos populares. A primeira tanda estivera no mes de novembro co gallo do magosto e permaneceron unha semana máis. Esta segunda volta de xogos populares tivo, se cabe, un éxito meirande.

A exposición realizouse no corredor e recibidor situado diante da entrada da biblioteca. Nos recreos houbo unha ocupación total dos xogos e en moitas clases achegáronse a enredar e divertirse con estes xogos tradicionais durante dúas semanas.

Desde o EDLG están a pensar nun proxecto co Departamento de Tecnoloxía que se encargaría da realización material, o Departamento de Galego e o EDLG encargaríanse de facer as instrucións, normas e explicacións dos xogos.

Con isto estariamos a colaborar na recuperación do noso patrimonio lúdico e ao mesmo tempo participariamos nunha proposta educativa con incidencia social que podería levarnos a contextualizar mellor o proxecto da Biblioteca deste curso.

lunes, 15 de febrero de 2016

Entroido de xogos e bailes

Este venres 5 de febreiro celebramos o entroido no centro. Como vén sendo habitual adoptamos a temática da biblioteca para procurar revestirnos no centro. Así, os xogos e deportes foron a temática deste entroido no centro.

O mergullo, doma e equitación, pádel, ciclismo, boxeo, béisbol en Educación Infantil e Primaria e bádminton, judo, rugbi na ESO (golf e fútbol algunhas profes de ESO) xunto cos "bailes" de "animadoras" diversas e fox trot. En fin, deportes e bailes foron protagonistas xunto a algunhas coreografías neste carnaval noso (destacou a dos boxeadores co tema clásico de Rocky)

















viernes, 29 de enero de 2016

Día Escolar da Paz e da Non Violencia: Exposición de xoguetes, mans pola paz e dramatizacións

Este venres 29 de xaneiro celebramos no noso centro o Día Escolar da Paz e da Non Violencia (o sábado 30 non hai clase).

Desde o Equipo da Biblioteca estivemos a preparar este mes unha exposición de xoguetes do século XX para achegar o alumnado do centro aos enredos dos pais, nais, avós e avoas (e profesores e profesoras). O obxectivo é coñecer e valorar o patrimonio lúdico da contorna que servía para interaccionar no tempo de lecer das e dos maiores de hoxe cando eran cativas e cativos.




Agradecemos as achegas das familias do alumnado e do profesorado que nos trouxeron mostras de xoguetes de diferentes tempos tales como: pincha-billarda-estornela, chave, carrilanas, camións, coches, "pelis3D", aros roladores, tabas, pitufos, bonecas, cinExin, dominó, bingo, cartas, ....






A exposición permanecerá aberta na biblioteca o luns 2 de febreiro e o martes 3 para que as familias poidan pasar a vela.

Ademais no Equipo de Extraescolares fixeron unha montaxe co símbolo hippie da paz e puxemos as mans de cativos e cativas dentro e fora para conseguir un mural inmenso coas achegas de todas e todos.
A sesión completouse coas actuacións do Club de lectura de Primaria e Secundaria que representaron obras sobre Gandhi, falcatruadas, comportamentos inadecuados e reparación de danos para evitar os conflitos. Pódense ver máis detalles no blog do club de lectura: asportadas.blogspot.com






lunes, 25 de enero de 2016

Exposición de libros de Neira Vilas



Este mes de xaneiro continuamos coa homenaxe ás obras de Neira Vilas. O escritor finado o pasado novembro de 2015 foi obxecto de exposición en decembro. En colaboración co EDLG, co Departamento de Lingua Galega e co club de lectura "As Portadas" imos celebrar os 55 anos da publicación de Memorias du neno labrego. Debuxos de Balbino, portadas, frases da obra son a nosa homenaxe a este clásico moderno da literatura galega.


Ademais continuamos coa exposición de obras súas na entrada da biblioteca para animar á lectura ou relectura destas obras enblemáticas das nosas letras xunto con algunha das súas últimas publicacións como O xardín de Irene, obra pensada principalmente para o público infantil que poden ler en conxunto cos adultos e adultas.





Aproveitamos tamén para expoñer este mes portadas de obras emblemáticas de Neira Vilas e que maioritariamente se atopan no centro: Cartas a Lelo, Memorias dun neno labrego, Querido Tomás, O cabaliño de buxo, Xente no rodicio, Histiorias de emigrantes son algúns dos clásicos do escritor de Vila de Cruces que temos expostas. A conmemoración da publicación de Memorias é unha boa oportunidade para ler ou reler calquera das súas obras.

lunes, 30 de noviembre de 2015

Neira Vilas na biblioteca do CPI Domingo Fontán

O pasado 27 de novembro faleceu Xosé Neira Vilas. 
O escritor de Gres é coñecido pola súa sinxeleza e efectividade expresiva ao tempo que destaca por debuxar coas palabras unha obra na que asoman os galegos e galegas de interior na segunda metade do século XX: a pobreza, a emigración, a dureza de traballo no agro pero tamén a amizade, a esperanza, a dignidade, a cultura, a intelexencia da infancia e outros eran temas que con frecuencia recorrente tocou nas súas obras.
Foise un dos grandes pero na biblioteca queremos renderlle homenaxe e por iso comezamos unha exposición sobre o escritor de Vila de Cruces: un pequeno mural lembrando a súa figura e obra e unha exposición de libros seus na entrada da biblioteca

Todo isto poderedes atopar estes días sobre Xosé Neira Vilas. IN MEMORIAN

martes, 17 de noviembre de 2015

xOGOS pOPULARES nO mAGOSTO




 
Este luns 16 de novembro celebramos o magosto no CPI Domingo Fontán. Como vén sendo habitual celebramos a xornada nas horas da tarde e acompañamos o asado de castañas con algúns xogos tradicionais. Mais este curso, dado que o proxecto da biblioteca é "xogos, bailes, danzas e deportes",  realizamos máis actividades ca nunca sobre este tema.







Na realización das actividades, ademais do Equipo de Biblioteca e Extraescolares, participou activamente o EDLG que se encargou de contactar cunha asociación dedicada á recuperación do xogo popular e tradicional e que nos enviou un lote de 25 xogos para o centro (ao longo do curso enviaranos outros lotes tamén de 25 xogos, todos distintos)



Ademais, realizáronse algunhas actividades extras relacionadas con xogos tradicionais: o pano, o tira-puxa da corda, birlos,.... As escollas de equipo nas competicións grupais fixéronse co tradicional "Pasa Martiño" ou "Pasa Perico" (versión autóctona da que é unha variante o coñecido "Pasimisí, pasimisó").






















Ao final resultou moi entretida a tarde, recuperando parte da nosa tradición cultural lúdica ao tempo que pasabamos uns intres divertidos e, como non, degustabamos unhas saborosas castañas asadas pola dirección do centro coa axuda de integrantes da ANPA.

miércoles, 4 de noviembre de 2015

vIDEOCONFERENCIa dA xORNADa dA cIENCIa eN gALEGo

Este mércores 4 de novembro celebrouse o VI Día da Ciencia en Galego organizada pola Coordinadora Galega de ENDL e a Universidade da Coruña. No noso centro apuntámonos á actividade central desta data, a videoconferencia "A máquina que constrúe a mente e a realidade", do profesor do Departamento de Medicina da UdC Xurxo Mariño.

A videoconferencia ofreceuse na biblioteca do noso centro ao tempo que se ofrecía en 106 centros máis en toda Galicia. A proxección realizouse de 12.30 a 13.30. Ao acto asistiu o alumnado de 3º e 4º de ESO e algún profesorado, polo que se xuntou máis de medio cento de persoas na transmisión.

Esta actividade contou co apoio do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, Biblioteca e Extraescolares e dos Departamentos de Galego, Ciencias e Tecnoloxía.