jueves, 5 de mayo de 2016

Charla da Escola de xadrez de Pontevedra sobre cooperación en Siria

Este xoves 5 de maio tivemos unha charla organizada pola Escola de xadrez do CPI Domingo Fontán sobre o proxecto "Xadrez, estratexia pola paz" no que participou a Escola de Xadrez de Pontevedra.
Os participantes no proxecto contáronnos a súa experiencia de 12 días no campo de refuxiados de Azraq, en Siria, a 50 km coa fronteira de Arabia Saudí.



Trátase dun campo de refuxiados planificado para 130.000 persoas que foxen da guerra. Estas persoas, con escasas perspectivas de futuro, participaron nas actividades organizadas pola Escola de Xadrez. As clases serviron como unha actividade paliativa para o tempo que teñen que pasar os refuxiados e refuxiadas no campo, que son días e días iguais sen horizontes claros e diferentes: non traballo, non estudos universitarios, escasas posibilidades de saír do campo, ...
A partida non está gañada, pero a esperanza é avanzar na concienciación da situación dos refuxiados e refuxiadas en moitas partes do mundo e as causas que provocan esa situación (guerras)
O voluntariado deixou clara a actitude de amabilidade do pobo xordano e sirio co que conviviron e quixo desterrar ideas e tópicos sobre certas culturas e relixións que, en liñas xerais, son moi hospitalarias. As experiencias persoais falan de xente que colaborou e lles axudou de maneira desinteresada e que entraban na frase "quen menos ten máis dá".

sábado, 23 de abril de 2016

dÍA dO LIBRo 2016



Este venres 22 de abril celebramos os actos centrais do Día do Libro 2016. En realidade xa viñamos realizando diversas actividades complementarias e extraescolares arredor desta data nas últimas xornadas (presentacións de libros, xogos, unidades didácticas sobre esta data nas aulas,...).

A xornada tivo, quizais, como acto central o apadriñamento lector. Na segunda hora, arredor das 10.35 horas, o alumnado maior do centro achegouse a unha aula para lerlle unha historia a cadanseu alumno ou alumna. A correspondencia foi a seguinte:


LECTORAS e LECTORES de...                                 leron a...
5º e 6º de Primaria.....................................................Infantil de 4, 5 e 6 anos
2º ESO.......................................................................1º de Primaria
1º ESO.......................................................................2º de Primaria
3º ESO.......................................................................3º de Primaria
4º ESO.......................................................................4º de Primaria

A actividade foi moi interesante e resultou moi atractiva xa que serviu para compartir unha experiencia lectora entre alumnado do propio centro de maneira moi próxima.





Mais ao longo da mañá realizáronse outras actividades como a procura de información sobre personaxes de Shakespeare e Cervantes, completar murais como o de "Que é para ti un libro?" ou "Cal é o libro que máis che gustou en galego?" xunto cunha lectura pública do Quixote que se foi facendo por cursos antes do recreo.

A xornada completouse cunha actuación do Club de Lectura de Primaria que preparou dúas obras para esta data. A temática das obras versaba sobre temas relacionados coa problemática da muller; como no Día da Muller (8 de marzo) estabamos de exames para a avaliación reservámola para esta data na que actuaron as integrantes de 5º e algunha de 6º de Primaria. A representación realizouse por grupos desde 3º de Primaria ata 4º de ESO.

                           



En fin, todas as actividades resultaron moi interesantes pero este ano resultou chamativa a do apadriñamento lector que nos deixou imaxes por todo o centro


















martes, 12 de abril de 2016

Presentación de Fontán, libro de Marcos Calveiro




Dentro dos actos que se están a realizar para a conmemoración da semana do libro, temos que comezar pola presentación que realizamos este martes 12 de abril. Como somos moi "libreiros" estamos a ampliar a semana a quincena e xa comezamos con celebracións relacionadas coa literatura. En concreto, o centro colaborou na organización activa da presentación do libro Fontán de Marcos Calveiro, autor vilagarcián que se levaba interesando moito tempo polo persoeiro nado en Portas.

O libro, premio Repsol de Narrativa Breve 2015 está a ser presentado por diversos puntos da xeografía galega e tamén recalou na Azucreira de Portas a onde asistiu toda a ESO e 6º de Primaria.

Esta obra recrea parte da vida do profesor, matemático, deputado e xeógrafo portense Domingo Fontán, elaborador do primeiro mapa científico de Galicia e considerada unha das mellores cartas xeométricas da época, traballo só igualado pola cartografía inglesa e francesa que as facían como empresas de estado, mentres a medición galega foi feita polo mestre de Portas  durante 17 anos como unha tarefa case exclusivamente individual coa idea de servir como base para a mellora viaria e económica galega.

jueves, 7 de abril de 2016

Excursión a Allariz: visita do museo de xoguete e outras

Dentro das actividades que se están a realizar este curso temos que destacar esta excursión organizada polos Departamentos de Lingua Galega e Xeografía e Historia para visitar, entre outras cousas, o Museo Galego do Xoguete. Así, nesta viaxe tiveron en conta a temática do proxecto da biblioteca (Xogos e bailes) para visitar, primeiramente Allariz e, logo, Pontevedra.

A excursión realizouse o martes 5 de abril e foron 1º e 4º de ESO. En Allariz fíxose un percorrido polo casco histórico e visitouse o Museo da Moda e o Museo do Xoguete pola mañá. Ás catro da tarde visitamos a Fundación Risco para ver a casa na que viviu Vicente Risco durante varios anos (patrimonio da familia da muller do escritor galego)



Dentro do Museo da Moda foi un dos sitios onde mellor o pasamos. Visitamos vellas tendas, vimos fiadeiras, tecelás, rocas, fusos...




... pero o mellor de todo estivo no derradeiro andar; puidemos probar sombreiros, traxes e outros atavíos... ata desfilar pola pasarela...

 
Logo cruzamos a rúa e fomos ao Museo Galego do Xoguete que está case enfronte do da Moda. Alí fixemos tamén unha parada interesante onde puidemos ver unha boa mostra de enredos de diferentes épocas, destacando sobre todo un "futbolín" de mediados do século XX.



Xa de volta cara a Portas paramos na cidade do Lérez para visitar o Museo de Pontevedra ás 18.30, onde vimos unha exposición sobre a obra pictórica de Castelao feita en Galicia (4º de ESO) e unha mostra da prehistoria (1º de ESO). A excursión rematou practicamente ás 21 horas. Día ben completo.





viernes, 18 de marzo de 2016

A muller no deporte: exposición en inglés


Este mes de marzo tivemos no taboleiro principal da biblioteca unha exposición organizada polo Departamento de Lingua inglesa sobre a muller e o deporte. Esta temática ofreceuse con motivo da celebración do Día da muller (8 de marzo) e aproveitando unha das partes do proxecto da biblioteca, xogos e deportes. Asemade, é unha boa ocasión para practicar os coñecementos de inglés xa que, como dixemos, a exposición realizárona alumnado desta materia na ESO.

martes, 15 de marzo de 2016

A escritora e a súa obra: Ledicia Costas

A autora Ledicia Costas estivo este martes 15 de marzo na Biblioteca do noso centro para falarnos do seu proceso creativo como escritora. Dirixiuse primeiramenente ao alumnado de 1º e 2º de ESO para falar de Escarlatina, a cociñeira defunta e Unha estrela no vento. Logo respondeu as numerosas preguntas sobre a obra e finalmente asinou os libros do alumnado.

A creadora viguesa que estivo convidada polo Departamento de Lingua Galega a través de Edicións Xerais, falou logo para o alumnado de 3º e 4º, púxolles un vídeo dunha adolescente acosada nas redes, contestou as preguntas, asinou obras e fotografouse cun grupo.

Foi un pracer ter a escritora agasallada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015 no CPI Domingo Fontán de Portas.

Podedes ver máis imaxes no blog do EDLG e no do club de lectura:

 http://portalingua.blogspot.com.es/


 http://asportadas.blogspot.com.es/

Actuación de García Mc


O rapeiro García Mc actuou este pasado venres 26 de febreiro para toda a ESO. Durante uns 45 minutos tocou algunhas pezas propias xunto con versións de poemas de Celso Emilio Ferreiro e Lois Pereiro.


O músico de Rithm And Poesy conectou cun amplo público composto por máis de 100 persoas que gozaron, entre as 14.20 e 15.10 coa actuación do cantante do grupo Dios Ke Te Krew



A biblioteca foi o espazo escollido para a actuación do músico galego que nos transportou a sons en galego aos que estamos pouco afeitos demostrando que a poesía segue sendo algo moderno ao ritmo dos sons máis recentes e populares.





A Biblioteca é sempre un bo espazo para transmitir ideas de igualdade, xustiza social e vida saudable como fixo García ao ritmo de RAP. E todo isto na Rapeira, rúa onde está ubicado o noso centro.

Segunda volta de xogos populares

Nesta segunda quincena de febreiro tivemos no centro unha segunda quenda de xogos populares. A primeira tanda estivera no mes de novembro co gallo do magosto e permaneceron unha semana máis. Esta segunda volta de xogos populares tivo, se cabe, un éxito meirande.

A exposición realizouse no corredor e recibidor situado diante da entrada da biblioteca. Nos recreos houbo unha ocupación total dos xogos e en moitas clases achegáronse a enredar e divertirse con estes xogos tradicionais durante dúas semanas.

Desde o EDLG están a pensar nun proxecto co Departamento de Tecnoloxía que se encargaría da realización material, o Departamento de Galego e o EDLG encargaríanse de facer as instrucións, normas e explicacións dos xogos.

Con isto estariamos a colaborar na recuperación do noso patrimonio lúdico e ao mesmo tempo participariamos nunha proposta educativa con incidencia social que podería levarnos a contextualizar mellor o proxecto da Biblioteca deste curso.