domingo, 21 de junio de 2020

OuLiPo



Na materia de Lingua Castelá e Literatura improvisamos un obradoiro de literatura potencial a imitación do grupo de experimentación literaria OuLiPo (Ouvroir de littérature potentielle) que fundaran o escritor Raymond Queneau e o matemático François Le Lionnais no ano 1960 e que, a través de xogos lóxicos, problemas matemáticos e constricións, perseguía crear obras diferentes e orixinais. 
Propuxémoslles aos nosos alumnos dúas tarefas diferentes. A primeira delas era unha bóla de neve de lonxitude n, que é un poema cuxo primeiro verso está formado por unha palabra dunha única letra, o segundo dunha palabra con dúas letras, etc., ata o n-ésimo, que consta dun verso con n letras. Neste caso tratábase de facer unha bóla de neve de lonxitude 10, aínda que algún dos nosos autores optou por facer algunha variación máis complicada.
Podedes atopar os resultados na seguinte presentación (lembrade premer no botón de pausa para ler con atención os textos):





A segunda das tarefas estaba pensada como unha homenaxe ao novelista francés Georges Perec (1936-1982), concretamente á súa novela La disparition (1969), na que ao longo das súas trescentas páxinas non aparecía a letra E, a máis frecuente no francés. A novela foi traducida ao castelán como El secuestro, e nesa versión omitiuse o A, a letra máis empregada neste idioma.

Georges Perec


Así pois, os nosos alumnos escribiron un lipograma, isto é, un texto no que se omite sistematicamente algunha letra do alfabeto, neste caso o A. Nestoutra presentación podedes ver os curiosos e simpáticos resultados:



No hay comentarios:

Publicar un comentario