viernes, 13 de mayo de 2016

Exposición de obras para as Letras Galegas

Entre as lecturas recomendadas pola biblioteca este mes están, evidentemente, obras do autor chairego ao que se lle dedica este ano. Manuel María foi un poeta que achegou a poesía en galego a un público infantil e aínda hoxe resultan obras de referencia: Os soños na gaiola e As rúas do vento ceibe. Tamén recomendamos as súas primeiras obras (Muiñeiro de brétemas, Terra Chá) e nos últimos meses saíron obras compilatorias da súa produción e ensaios analizando a súa traxectoria que nos permitirán achegarnos a el. Algunhas desas obras que temos no centro están expostas na entrada da biblioteca.

jueves, 12 de mayo de 2016

Actuación do contacontos Cándido Pazó

O actor, autor, director teatral e monologuista Cándido Pazó realizou unha actuación no noso centro. Este xoves 12 de maio actuou para 4º e 5º de Primaria e para a ESO. O contacontos actuou na biblioteca en dúas sesións resultando a súa actuación moi entretida. O acto estivo organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

Concurso de fotografía matemática con temática de xogos ou bailes

O Departamento de Matemáticas leva facendo varias actividades complementarias durante o curso (desafios matemáticos, xogos matemáticos, etc). Esta avaliación propuxo un interesante concurso de fotografía baseado na temática do proxecto da biblioteca: xogos e bailes. Os resultados xa están publicados nos taboleiros do corredor principal xunto ao da biblioteca.



Agora van continuar cunha nova fase de natureza e foto matemática. A ver o que vemos no medio que nos rodea. Hai máis números dos que parece...

jueves, 5 de mayo de 2016

Charla da Escola de xadrez de Pontevedra sobre cooperación en Siria

Este xoves 5 de maio tivemos unha charla organizada pola Escola de xadrez do CPI Domingo Fontán sobre o proxecto "Xadrez, estratexia pola paz" no que participou a Escola de Xadrez de Pontevedra.
Os participantes no proxecto contáronnos a súa experiencia de 12 días no campo de refuxiados de Azraq, en Siria, a 50 km coa fronteira de Arabia Saudí.



Trátase dun campo de refuxiados planificado para 130.000 persoas que foxen da guerra. Estas persoas, con escasas perspectivas de futuro, participaron nas actividades organizadas pola Escola de Xadrez. As clases serviron como unha actividade paliativa para o tempo que teñen que pasar os refuxiados e refuxiadas no campo, que son días e días iguais sen horizontes claros e diferentes: non traballo, non estudos universitarios, escasas posibilidades de saír do campo, ...
A partida non está gañada, pero a esperanza é avanzar na concienciación da situación dos refuxiados e refuxiadas en moitas partes do mundo e as causas que provocan esa situación (guerras)
O voluntariado deixou clara a actitude de amabilidade do pobo xordano e sirio co que conviviron e quixo desterrar ideas e tópicos sobre certas culturas e relixións que, en liñas xerais, son moi hospitalarias. As experiencias persoais falan de xente que colaborou e lles axudou de maneira desinteresada e que entraban na frase "quen menos ten máis dá".