Este sábado 25 de novembro celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller; desde o CPI Domingo Fontán quixémonos adiantar realizando algúns actos durante toda a semana e facendo unha acto conxunto para todo o centro o venres, día 24 de novembro.
Entre as diferentes actividades que realizamos temos que destacar en primeiro lugar un mural conmemorativo para a data, cunha porta violeta como símbolo do paso cara a un mundo que elimine a violencia contra a muller e especialmente a violencia física e os crimes machistas.
Ao lado da porta puxemos unha serie de frases feitas, ditos populares e refráns que fan referencia á percepción e mesmo xustificación da violencia contra a muller que levamos atopando no subconsciente colectivo durante moitas décadas e mesmo séculos... ("A la mujer y a la burra cada día una zurra", "Á muller e á mula, vara dura"; "A muller e o can non ladran cando lles dan"; ...). A actividade acobou sendo multilingüe xa que colaboraron diferentes departamentos do centro achegando as súas frases.
Pero ao lado destas mensaxes machistas emerxen na actualidade letras, lemas e cancións que anovan o pensamento e actualizan os textos para crear unha sociedade máis igualitaria evitando prexuízos e discriminacións.
Así, recollemos unha chea de versos, algúns ditos e outras mensaxes positivas que puxemos en cor morada tras pasar pola porta da fuxida do machismo. Así, denuncíanse as situacións que non poden ser consetidas polo ideario común e resaltamos aquelas que queren poñer en valor o papel da muller na sociedade.
Con todo estas non foron as únicas actividades do centro. O alumnado do club de lectura leu un manifesto e realizaron unhas actuacións para denunciar situacións de machismo ou "micromachismos" que podemos vivir na actualidade.
No club de primaria centráronse en representar actos que poden xurdir no centro, especialmente nos momentos de lecer como recreos e que están relacionados co xogo, representado 4 situacións: brilé, fútbol, peletre e bonecas...
No club de ESO tamén representaron diversas situacións pero centrándose máis no ámbito doméstico ou que se poden dar en xeral na sociedade: así, na inseguridade que pode sentir unha muller pola rúa, na perpetuación de roles machistas na casa (facer de comer, recoller, limpar, etc, como roles femininos que provocan situacións de violencia se non se cumpren...).
O alumnado de cuarto de ESO, en colaboración con parte do profesorado, fixeron unha "performance" bailando a canción "Lisístrata (varre vasoira)" de Fillas de Cassandra, que se refire ao antigo mito das mulleres que fixeran unha folga sexual para protestrar porque os homes marchaban ás guerras e deixábanas soas con todas as cargas familiares e económicas da casa. Polo tanto, ten unha dobre mensaxe, denuncia a situación tradicional da muller que tiña que soportar unha chea de traballos e todos en soidade e, por outra banda, convértese nun alegato antibelicista.
Para rematar, o alumnado de Tics de 4º de ESO tamén realizou un vídeo que acompañou dunha interpretación en directo. O vídeo serviu de base musical para realizar unha actuación que implicou unha reivindicación da muller a ritmo moderno.
Dentro das actividades do centro tamén destaca a denuncia mostrada nun dos corredores de secundaria cunha exposición de bonecas atadas e pegadas á parede nunha denuncia explícita das vítimas da violencia machista... Así, aparecen nomes de pía reais que lembran ás caídas por estes crimes violentos contra as mulleres e remataron da forma máis tráxica e que supoñen o cume desta ideoloxía que nos seus extremos acaba con actos da máxima violencia.
Como homenaxe o lema creado para esta exposicion...
"NON HAI PAREDE,
CORDA OU LAZO
QUE ME QUITE
O MEU ESPAZO"
Para rematar, indicar que tamén se realizou un taller de chapas impulsado especialmente polo EDLG (vid. a páxina portalingua.blogspot.com).
Asemade, para as actuacións do club de lectura e fotos da rapazada pódese seguir o blog do club de lectura (asportadas.blogspot.com)
No hay comentarios:
Publicar un comentario