viernes, 18 de marzo de 2016

A muller no deporte: exposición en inglés


Este mes de marzo tivemos no taboleiro principal da biblioteca unha exposición organizada polo Departamento de Lingua inglesa sobre a muller e o deporte. Esta temática ofreceuse con motivo da celebración do Día da muller (8 de marzo) e aproveitando unha das partes do proxecto da biblioteca, xogos e deportes. Asemade, é unha boa ocasión para practicar os coñecementos de inglés xa que, como dixemos, a exposición realizárona alumnado desta materia na ESO.

martes, 15 de marzo de 2016

A escritora e a súa obra: Ledicia Costas

A autora Ledicia Costas estivo este martes 15 de marzo na Biblioteca do noso centro para falarnos do seu proceso creativo como escritora. Dirixiuse primeiramenente ao alumnado de 1º e 2º de ESO para falar de Escarlatina, a cociñeira defunta e Unha estrela no vento. Logo respondeu as numerosas preguntas sobre a obra e finalmente asinou os libros do alumnado.

A creadora viguesa que estivo convidada polo Departamento de Lingua Galega a través de Edicións Xerais, falou logo para o alumnado de 3º e 4º, púxolles un vídeo dunha adolescente acosada nas redes, contestou as preguntas, asinou obras e fotografouse cun grupo.

Foi un pracer ter a escritora agasallada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015 no CPI Domingo Fontán de Portas.

Podedes ver máis imaxes no blog do EDLG e no do club de lectura:

 http://portalingua.blogspot.com.es/


 http://asportadas.blogspot.com.es/

Actuación de García Mc


O rapeiro García Mc actuou este pasado venres 26 de febreiro para toda a ESO. Durante uns 45 minutos tocou algunhas pezas propias xunto con versións de poemas de Celso Emilio Ferreiro e Lois Pereiro.


O músico de Rithm And Poesy conectou cun amplo público composto por máis de 100 persoas que gozaron, entre as 14.20 e 15.10 coa actuación do cantante do grupo Dios Ke Te Krew



A biblioteca foi o espazo escollido para a actuación do músico galego que nos transportou a sons en galego aos que estamos pouco afeitos demostrando que a poesía segue sendo algo moderno ao ritmo dos sons máis recentes e populares.





A Biblioteca é sempre un bo espazo para transmitir ideas de igualdade, xustiza social e vida saudable como fixo García ao ritmo de RAP. E todo isto na Rapeira, rúa onde está ubicado o noso centro.

Segunda volta de xogos populares

Nesta segunda quincena de febreiro tivemos no centro unha segunda quenda de xogos populares. A primeira tanda estivera no mes de novembro co gallo do magosto e permaneceron unha semana máis. Esta segunda volta de xogos populares tivo, se cabe, un éxito meirande.

A exposición realizouse no corredor e recibidor situado diante da entrada da biblioteca. Nos recreos houbo unha ocupación total dos xogos e en moitas clases achegáronse a enredar e divertirse con estes xogos tradicionais durante dúas semanas.

Desde o EDLG están a pensar nun proxecto co Departamento de Tecnoloxía que se encargaría da realización material, o Departamento de Galego e o EDLG encargaríanse de facer as instrucións, normas e explicacións dos xogos.

Con isto estariamos a colaborar na recuperación do noso patrimonio lúdico e ao mesmo tempo participariamos nunha proposta educativa con incidencia social que podería levarnos a contextualizar mellor o proxecto da Biblioteca deste curso.