lunes, 30 de noviembre de 2015

Neira Vilas na biblioteca do CPI Domingo Fontán

O pasado 27 de novembro faleceu Xosé Neira Vilas. 
O escritor de Gres é coñecido pola súa sinxeleza e efectividade expresiva ao tempo que destaca por debuxar coas palabras unha obra na que asoman os galegos e galegas de interior na segunda metade do século XX: a pobreza, a emigración, a dureza de traballo no agro pero tamén a amizade, a esperanza, a dignidade, a cultura, a intelexencia da infancia e outros eran temas que con frecuencia recorrente tocou nas súas obras.
Foise un dos grandes pero na biblioteca queremos renderlle homenaxe e por iso comezamos unha exposición sobre o escritor de Vila de Cruces: un pequeno mural lembrando a súa figura e obra e unha exposición de libros seus na entrada da biblioteca

Todo isto poderedes atopar estes días sobre Xosé Neira Vilas. IN MEMORIAN

martes, 17 de noviembre de 2015

xOGOS pOPULARES nO mAGOSTO




 
Este luns 16 de novembro celebramos o magosto no CPI Domingo Fontán. Como vén sendo habitual celebramos a xornada nas horas da tarde e acompañamos o asado de castañas con algúns xogos tradicionais. Mais este curso, dado que o proxecto da biblioteca é "xogos, bailes, danzas e deportes",  realizamos máis actividades ca nunca sobre este tema.







Na realización das actividades, ademais do Equipo de Biblioteca e Extraescolares, participou activamente o EDLG que se encargou de contactar cunha asociación dedicada á recuperación do xogo popular e tradicional e que nos enviou un lote de 25 xogos para o centro (ao longo do curso enviaranos outros lotes tamén de 25 xogos, todos distintos)



Ademais, realizáronse algunhas actividades extras relacionadas con xogos tradicionais: o pano, o tira-puxa da corda, birlos,.... As escollas de equipo nas competicións grupais fixéronse co tradicional "Pasa Martiño" ou "Pasa Perico" (versión autóctona da que é unha variante o coñecido "Pasimisí, pasimisó").






















Ao final resultou moi entretida a tarde, recuperando parte da nosa tradición cultural lúdica ao tempo que pasabamos uns intres divertidos e, como non, degustabamos unhas saborosas castañas asadas pola dirección do centro coa axuda de integrantes da ANPA.

miércoles, 4 de noviembre de 2015

vIDEOCONFERENCIa dA xORNADa dA cIENCIa eN gALEGo

Este mércores 4 de novembro celebrouse o VI Día da Ciencia en Galego organizada pola Coordinadora Galega de ENDL e a Universidade da Coruña. No noso centro apuntámonos á actividade central desta data, a videoconferencia "A máquina que constrúe a mente e a realidade", do profesor do Departamento de Medicina da UdC Xurxo Mariño.

A videoconferencia ofreceuse na biblioteca do noso centro ao tempo que se ofrecía en 106 centros máis en toda Galicia. A proxección realizouse de 12.30 a 13.30. Ao acto asistiu o alumnado de 3º e 4º de ESO e algún profesorado, polo que se xuntou máis de medio cento de persoas na transmisión.

Esta actividade contou co apoio do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, Biblioteca e Extraescolares e dos Departamentos de Galego, Ciencias e Tecnoloxía.

martes, 3 de noviembre de 2015

Actividades de Samaín na biblioteca

Ao chegar o Samaín enchemos de terror a biblioteca coma nos últimos anos. Como vén sendo habitual fixemos as tradicionais dramatizacións de contos. Este curso realizamos, a maiores, un concurso de contos de medo para outorgar un agasallo por curso.
Os agasallos, unhas cabazas cheas dun produto terrorífico, lambetadas, outorgábaselle ao relato que lle pareceu máis interesante ao xurado deste ano (Departamento de Extraescolares), mais para repartir entre as e os integrantes do curso xa que o interesante era facer o conto de medo e estimular a imaxinación.

 En primaria organizámonos en catro quendas para lermos Tanneke, princesa das bruxas co club de lectura e logo escoitamos as redaccións que gañaron en cada curso para entregarlles os premios.


En ESO fixemos o xa tradicional contacontos inglés-galego e un conto interactivo, "os sesos do mor
to" onde repartiamos os restos mortais dun finado. Tamén lemos os contos de medo premiados no concurso organizado por Biblioteca, Extraescolares e o EDLG.


pENDURANDo cONTOs dE mEDo


No corredor da biblioteca penduramos unha chea de contos de medo para invitar a lelos a quen quixese nestas datas próximas ao Samaín.

Historias como "O cabalo do demo", "A meiga e o pescador" ou "O defunto dos dentes grandes" serviron para atemorizar a todo aquel que se parase cinco minutos.

Estas historias estaban sacadas do libro Contos e lendas dos países celtas

Concurso de contos de medo para o Samaín

O EDLG, en colaboración co Departamento de Biblioteca e Actividades Extraescolares, elaborou un concurso de contos de medo para o Samaín. Dado que o proxecto da biblioteca deste curso son os xogos, deportes, bailes e danzas, había que incluír unha destas palabras no relato. Concedeuse un premio por curso, aínda que nalgúns cursos destacaron pola súa calidade e participación, todas as etapas do centro conseguiron presentar, en xeral, uns textos finalistas moi interesantes.

As historias premiadas (unha por curso) foron lidas polo club de lectura na celebración do Samaín este xoves 29 de outubro dentro das actividades da biblioteca.

 Os textos seleccionados para representar cada curso foron os seguintes:

Infantil: "Aventura no Samaín", texto colectivo de toda a etapa

Primaria:
1º... "O gato pantasma" de Daniela Fontenla
2º... "A pelota desaparecida" de Uxía Rodríguez
3º... "Un zombi no Domingo Fontán" de Hugo Rebón
4º... "O hotel misterioso" de Andrea
5º... "O medo aos vampiros" de Pablo
6º... "Xenerosa de Prixel" de Lucía Piñeiro

ESO
1º... "Unha bruxa" de Sabela Búa
2º... "A danza da morte" de Lucía Crespo
3º... "O bailarín da escuridade" de Manuel Gorís
4º... "Sorpresa, sorpresa" de Óscar Barreiro

Na categoría de comunidade escolar (pais, nais, profesorado, etc)
"un rápido atallo" de Baia Fernández